×
×
Red Internacional
lid bot

GALIZA, MOVEMENTO OBREIRO. O 19 de Xuño; da folga xeral a unha simple manifestación

Asistimos a manifestación convocada pola CIG para o 19 de Xuño en Vigo, no marco dunha serie de manifestacións convocadas en todas as cidades galegas. Una manifestación que viña a substituír a suspensión da folga xeral.

Jacobo A. García @Jacobscarface

Jueves 21 de junio de 2018

Edición castellano

Arredor de mil persoas secundaron a mobilización para loitar polos dereitos perdidos na crise económica co goberno do Partido Popular. A manifestación comezou as oito da tarde no cruce da Dobrada e discorreu por Urzáiz ata a Farola, preto do museo O Marco, no centro da cidade.

Ademais do propio BNG e as súas xuventudes “Galiza Nova”, dentro das organizacións xuvenís destacaron a principal central estudantil nacionalista, “Erguer-Estudantes da Galiza”, así como “Isca”. Tamén estivo presente o PCPE ademais dunha delegación de Contracorrente, formada por CRT e independentes. O colectivo feminista e de pensionistas da CIG tamén tiveron pancarta propia.

Como relatábamos con anterioridade, a CIG tivera feito pública o 1 de Maio a convocatoria dunha folga xeral galega para o 19 de Xuño. Tanto a burocracia de CCOO e UXT como o sindicalismo alternativo de CUT e CGT tiveran rexeitado participar nesta folga. Mais, debido á muda de goberno precipitada pola moción de censura, a propia dirección da CIG decidiu suspender a folga de xeito “provisional”, como mostra de boa vontade cara ao goberno de Pedro Sánchez e o PSOE. Ao final da manifestación, no discurso final, repetíronse os argumentos que Paulo Carril esgrimira na roda de prensa onde se suspendera a folga hai unhas semanas.

Neste senso, a dirección da CIG proclamouse como o estandarte da mobilización e loita social, xustificando unha e outra vez as seus erros. Afirmouse que a folga era a “moción de censura” da clase traballadora galega, e que debido ao cambio de goberno, xa tivera cumprido o seu principal obxectivo. Para despois dicir que “sabemos moi ben que é o PSOE”, expondo os recortes e as políticas anti-obreiras que realizou este partido no poder. Ademais, valorouse correctamente as tendencias neoliberais e reaccionarias do novo goberno, con ministros como Borrel ou Grande-Marlaska, mantendo que “non temos ningunha confianza no PSOE”. Así, proclamouse que a CIG manteríase firme e non dubidaría en volver a convocar outra folga xeral se non se cumpren as principais reivindicacións “nuns meses”.

Porén, as palabras contrastan cos feitos. O feito de que unha convocatoria de folga por parte da principal central sindical galega, con arredor de 80.000 afiliados e unha grande periferia, remate sendo unha pequena manifestación autoproclamatoria, amosa o error da CIG ao interpretar o escenario político.

Máis aló do aspecto obvio de que en Galiza seguimos a ter un goberno do Partido Popular, onde Feijóo segue a impoñer políticas neoliberais, afirmar que a moción de censura acontecida no Congreso dos Deputados hai un mes é a “moción de censura da clase traballadora galega” (ou de calquera) é un error de análise propio de aqueles sectores que dende una visión simplista definen o goberno de Sánchez como progresivo.

A moción de censura, lonxe de ser o obxectivo (ou o triunfo) da clase traballadora, é un golpe de efecto do Réxime para intentar saír dunha crise, definida especialmente pola cuestión catalá, onde o partido da dereita tradicional, o PP, estaba golpeado de máis pola corrupción para seguir pilotando a nave.

Sirva como exemplo máis que suficiente do “progresivo” deste goberno, que vai a manter os orzamentos do Partido Popular.

Por contra nós, dende Contracorrente Galiza e a CRT, sempre defendemos que hai condicións obxectivas e subxectivas para a folga xeral en Galiza e no resto do Estado. E que a vía para acadar dereitos e parar os ataques non pode pasar pola negociación co goberno social-liberal do PSOE, se non que debe de estar centrada na loitas de clases.

Como di a CIG, “non temos ningunha confianza” no partido co-partícipe do 155 e a represión a Cataluña, do 135 e o pago da débeda ilexítima, da xubilación aos 67, os GAL, a primeira reforma laboral do 2010, dos primeiros recortes en servizos públicos, e o responsable da desindustrialización galega no sector do metal ou dos estaleiros, entre outros. E sendo consecuentes, iso implica a convocatoria dunha folga xeral organizada por asembleas de base en todos os centros de estudo e de traballo, ademais da unificación das distintas loitas sociais en curso. Dende as loitas sectoriais, como a da Xustiza ou a Sanidade, ata a loita feminista, a estudantil ou a dos pensionistas, pasando pola do dereito a vivenda e contra a pobreza, e incluso a ambiental, contra a destrución do noso entorno.

Mais iso non se pode acadar con sectarismo e desunión sindical. A táctica que precisa nestes intres a clase traballadora e o conxunto dos sectores oprimidos é a fronte única na loita de clases. Una táctica que permita unificar as filas obreiras contra os ataques, que rearme a través da unidade de todas as loitas mencionadas ao conxunto da clase traballadora para pelexar en mellores condiciones.

A CIG e o sindicalismo alternativo teñen que pensar este problema central para a clase traballadora, organizar accións comúns que presionen a CCOO e UGT a que fagan o mesmo. Este é o xeito de desenmascarar ante as súas bases o rol de sostén do Réxime y da Patronal que xogan as direccións burocráticas de CCOO y UGT.

Por outra banda, achamos insuficientes, aínda que correctas, as demandas que expón a CIG. Non é dabondo coa anulación das reformas laborais, ou das pensións, e con voltar a un escenario previo o da crise económica. O certo é que tamén existía unha importante parte da poboación excluída dos beneficios do capital nese tempo. É por iso que nós expomos a necesidade da redución da xornada laboral a 6 horas, 5 días á semana, a suba dos salarios e pensións mínimas a 1500 euros, para facer fronte á inflación, así como o desenvolvemento de servizos públicos que garantan todas a necesidades sociais, incluso aquelas que non estaban cubertas antes da crise.

É preciso que os capitalistas paguen a crise. Abonda xa de explotación, paro, emigración e miseria. Nós temos que claro que non vai ser un goberno do PSOE quen leve adiante as nosas demandas, se non máis ben o contrario. Vai ser un goberno axustador e servil aos intereses da Troika e do capital. O único xeito de conquistar dereitos e liberdades vai ser coa loita da rúa, cun plan de loita mantido no tempo, na perspectiva dun goberno da clase traballadora, onde os pobos do Estado español decidan de xeito democrático sobre todas as cuestións económicas e sociais que lles afectan.