www.izquierdadiario.es / Ver online / Para suscribirte por correo o darte de baja, haz click aquí
La Izquierda Diario
1ro de diciembre de 2024 Twitter Faceboock

Galiza
Que podemos agardar das eleccións galegas?
Xacobe Costa | Vigo

Este domingo 12 de Xullo realizaranse as eleccións galegas en plena polémica polo confinamento na Mariña, coas sondaxes anunciando a Feijóo como seguro gañador e un BNG reforzado disputando o posto de segunda forza. De Unidas Podemos agárdase un fondo retroceso electoral.

Link: https://www.izquierdadiario.es/Que-podemos-agardar-das-eleccions-galegas?id_rubrique=2653

A campaña electoral das eleccións galegas caracterizouse pola súa baixa intensidade. Ás circunstancias excepcionais da pandemia, coa súa limitación de aforo e restricións relativas á distancia social, úneselle o feito de que os medios de comunicación locais, financiados descaradamente polo goberno autonómico, fixeron campaña deliberada por Feijóo e o PPdG. Por activa, destacando a súa “boa” xestión da pandemia, por pasiva silenciando os discursos e accións e a oposición. En definitiva, un escenario no que se agarda unha alta abstención, favorable a unha reedición da maioría absoluta do PP en Galicia, con Feijóo como o seu representante máis tecnócrata e “moderado”.

Esa “moderación” da que fan gala os medios, no PP de Galicia, ten expresión en certos xestos simbólicos no pasado, como a condena formal do franquismo, ou posicionarse a favor de que se lle devolva ao pobo o Pazo de Meirás, así como un distanciamento da extrema dereita e unha maior predisposición a chegar a acordos co goberno central, especialmente co PSOE. Pero non nos enganemos, detrás desa pátina escóndense os profundos recortes en Sanidade en Galicia, que van desde a enorme precariedade do persoal sanitario ou os profundos axustes nos hospitais de áreas do interior e rurais, como no caso de Verín, o que durante os últimos anos repercutiu en que se producisen mortes que foron evitables.

Por outra banda, hai que lembrar que dos “poucos” casos (619) de mortes por Covid-19, máis da metade corresponden a residencias de anciáns, na súa inmensa maioría de xestión privada. Neste aspecto o PP, que como no resto do Estado promocionou a privatización dos servizos públicos, é cómplice desta situación. Ademais, cabe lembrar leis autonómicas que foron moi perniciosas para o pobo galego, como a Lei de Fomento de Iniciativas empresariais, aprobada no 2017, que permite a recalificación de terreos rurais beneficiando a grandes empresas, o que levou á reapertura de minas contaminantes e a destrución de contornas naturais vía expropiación de terreos comunais e de particulares. Ademais, a súa política forestal nefasta permitiu que en outubro de 2017 se produciran os maiores incendios da década, deixando 4 mortos. Isto último xerou unha presión social que forzou que se aumentase a contratación do persoal de incendios de 3 a 6 meses, e desmantelásese parcialmente a subcontrata SEAGA.

En definitiva, sobran motivos para criticar a xestión do PP de Galicia e de Feijóo. Como, por exemplo, aquela enigmática fotografía onde se lle viu gozando nun iate co famoso narcotraficante Marcial Dourado. Pero parecese que a “oposición” en Galicia é case tan anodina como o goberno. O PSG-PSOE presenta un candidato, Gonzalo Caballero, bastante descoñecido co único tirón de presentar os “logros” do goberno central e aproveitarse da desfeita do novo reformismo de EU, Podemos e Anova.
Unidas Podemos, con Antón Gómez-Reino como candidato, preséntase a estas eleccións despois da gran crise de En Marea, o desgaste de estar no goberno central e o desencanto de gran parte da súa base electoral, que xa lle quitou o apoio nas eleccións municipais de 2019, por non cumprir case ningunha das súas principais promesas electorais.

Marea Galeguista, unha escisión de En Marea do sector de Luís Villares -máis moderado e tecnócrata-, presenta como candidato a Pancho Casal, nunha alianza entre o Partido Galeguista, En Marea e Compromiso por Galicia. Cun discurso que parece dirixido a un pequeno grupo de intelectuais dos anos 30, pretenden reeditar o antigo espazo do “galeguismo”, onde se encadraban sectores máis de esquerda, de dereitas, pequeno-burgueses, etc. Un “ totum revolutum” onde os acordos baséanse na construción dun “país próspero, progresista, sostible, feminista, etc.”. Unha serie de adxectivos moi propios das experiencias neorreformistas do último período que non se concretan nun verdadeiro programa, porque precisamente se lemos o seu programa podemos observar que non hai nin un só número, nin unha soa cifra, nin unha soa medida económica seria que poida axudar a resolver a situación da clase traballadora galega. Un pobo obreiro que se enfronta á desindustrialización, a precariedade laboral, os despedimentos, a destrución do seu medio natural, o paro e a miseria. Pero pouco ten que dicir esta nova variante do reformismo “ frentepopulista” galego, que moi probablemente non conseguirá representación no parlamento.

Neste escenario, o principal beneficiario na oposición é o BNG, ao que case todas as sondaxes danlle o dobre de votos e de escanos, e que lle está disputando ao PSG ser segunda forza. O auxe do BNG enténdese pola bancarrota do neorreformismo de En Marea e aliados, así como porque mantén unha estrutura obreira, a CIG, e moitos centos de militantes organizados en todo o territorio que lle permiten facer unha campaña máis activa. Neste sentido, unha parte do electorado de esquerda, desencantado coas traizóns da “nova” esquerda de Podemos, Esquerda Unida e Anova, ve ao BNG como unha alternativa social (pola súa presenza nas loitas obreiras e sociais no territorio) e nacional (pola súa maior capacidade e intención de presionar ao goberno central en materia de financiamento, impostos, etc.).

Con todo, aínda que cunha estrutura militante bastante clásica, a súa influencia no principal sindicato e manter un certo discurso prol-obreiro está a beneficiar ao BNG, isto non explica fundamentalmente o seu crecemento. Mentres o BNG mantén en certo xeito estas características, por arriba cada vez ten un discurso máis moderado e tributario do nacionalismo burgués. Ana Pontón, a primeira candidata muller á Xunta de Galicia, centra os seus discursos no nacional, os sentimentos de pertenza á identidade galega e defende un desenvolvemento económico beneficioso ás empresas galegas. É un discurso que parece que quere interpelar por momentos a unha burguesía galega inexistente, pero que convence a un sector importante das clases medias, os pequenos propietarios e a pequena burguesía.

En definitiva, o discurso do BNG vén dicir que é necesario un goberno nacionalista para presionar ao goberno central para que outorgue maior financiamento, baixe os impostos ás empresas que realicen a súa actividade en Galicia, e un conceda un maior autogoberno que permita realizar leis favorables aos traballadores, pero tamén ao pequeno comercio e o empresariado galego. Así estamos a asistir a unha moderación do discurso histórico do BNG que centra as súas intervencións nesta idea, mentres participa timidamente das accións dos traballadores de Alcoa, e fixo moi pouco ou nada por estender a solidariedade con esta loita entre outros sectores de traballadores e noutras cidades galegas.

Paradóxicamente, a opción con representación parlamentaria que se mostra como máis de “esquerda” no panorama político galego, está a realizar un xiro á dereita e supón un factor de maior estabilidade no sistema político. Temos que lembrar que o BNG gobernou co PSOE no bipartito do 2005- 2009, e que nese período reportáronse casos de corrupción, así como realizáronse privatizacións como no caso dos servizos se extinción de incendios forestais, coa empresa SEAGA. O BNG gobernou en Pontevedra durante máis de 20 anos, así como noutras vilas importantes e está plenamente integrado no Réxime do 78.

Este 12 de Xullo non hai en Galicia unha verdadeira opción política verdadeiramente favorable aos intereses da clase traballadora, as mulleres e a mocidade precarizada e oprimida. Unha opción política así faría todo o posible por unificar as loitas obreiras e sociais existentes para poder levalas á vitoria, impulsando un programa que sexa capaz de resolver íntegra e efectivamente as necesidades sociais, como sería a expropiación baixo control obreiro de toda fábrica que peche ou despida -comenzando por Alcoa-, a repartición das horas de traballo sen redución salarial, a nacionalización das empresas de transporte, a xestión pública de todos os servizos públicos e unha política de reordenación do territorio centrada en medidas de defensa do medio natural contra a depredación capitalista, entre outras-, xunto co cal a reivindicación democrática de autodeterminación do pobo galego estea ligada a unha perspectiva anticapitalista e de independencia de clase.

A construír esa alternativa política revolucionaria da clase traballadora, as mulleres e a mocidade están dedicados todos os esforzos da CRT e quen fai parte de Esquerda Diario.

 
Izquierda Diario
Síguenos en las redes
/ IzquierdaDiarioEs
@iDiarioES
[email protected]
www.izquierdadiario.es / Para suscribirte por correo, haz click aquí