As e os traballadores da empresa Vitrasa , pertencente ao transporte urbano de Vigo, levan desde o 25 de novembro en folga desafiando os servizos mínimos abusivos que se lles impoñen. Protestan para esixir maior contratación que mellore o servizo e aumentos salariais acorde á inflación. Este xoves protagonizaron unha importante acción que tivo unha ampla difusión nas redes.
Viernes 8 de diciembre de 2023
Unha vez máis os traballadores do transporte público urbano seguen loitando para a mellora das súas condicións laborais e a calidade deste servizo público esencial. Este xoves 7 de Decembro marcharon polo centro da cidade para esixir as súas reivindicacións.
A manifestación comezou ás 19:00 no cruzamento de “Os Choróns”, de Urzaiz con Travesía de Vigo, e finalizou no cruzamento de Colón con García Barbón ao redor das 20: 30. Entre as proclamas puidéronse oír “Vitrasa escoita estamos en loita”, “Menos luces e máis autobuses”, “Vitrasa solución, alcalde dimisión” ou “Non somos escravos”. Ao final da manifestación dirixiuse aos seus compañeiros Imanol Arnoso, da CIG, presidente do comité de empresa, co que compartimos unhas palabras.
A folga indefinida, que leva en marcha desde o 25 de Novembro ten un seguimento do 100 % e uns servizos mínimos de ao redor do 50 %.
A loita dos traballadores dos autobuses urbanos en Vigo leva sendo unha constante case ininterrompida desde hai polo menos dous anos. Por aquel entón xa difundiamos as súas demandas. Por desgraza non mudaron moito xa que a empresa aínda se nega a negociar. E o Concello de Vigo tampouco intercedeu de xeito relevante no asunto, e iso que abona máis de 14 millóns de euros a Vitrasa para sufragar os descontos nos billetes.
Imanol cóntanos que dende o Comité de empresa esixen que se contrate polo menos a 35 condutores máis, xa que as xornadas de traballo superan de forma habitual as 10 horas. Ademais, ao redor de 50 compañeiros están de baixa, a maior parte deles por estrés e ansiedade. Esixen unha subida salarial do 16,5 % desde o ano 2020, xa que leva 4 anos cos salarios conxelados.
Recentemente a empresa propuxo un aumento salarial do 3 % en 2024, do 1,5 % no 2025 e do 1,5 % no 2026. Unha proposta ridícula considerando os índices actuais da inflación, e que ademais non inclúe aumentos durante os anos 2021, 2022 e 2023, onde os traballadores sufriron unha conxelación dos soldos. O convenio caducou hai case 3 anos.
O comité de empresa non aceptou a proposta e ademais negouse a negociar mentres non se retiren as sancións a 9 membros do comité de empresa e 3 traballadores máis, ademais de 4 expedientes que poden significar o despedimento. Estes foron sancionados con 60 días sen emprego e soldo por negarse a fretar 4 autobuses nocturnos no festival de “O Marisquiño” en agosto, cando os servizos mínimos só marcaban un autobús. A proposta de Vitrasa, como indicaron os traballadores, "tampouco contén ningunha solución a reclamacións sobre xornada anual, descansos, duración máxima, vacacións ou maior contratación indefinida"
O 5 de Decembro produciuse unha manifestación onde cidadáns e traballadores manifestáronse onte ás portas do MARCO, onde se celebrou o acto do Día da Constitución, convocados pola Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) para reclamar unha solución ao Concello, que non concretou a cifra da terceira indemnización a Vitrasa anunciada hai dúas semanas.
A protesta dos traballadores de Vitrasa no MARCO obrigou a que o alcalde da cidade, Abel Caballero, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, saísen escoltados do edificio. Tras o evento realizado polo Día da Constitución en Vigo, vivíronse momentos tensos nos que a Policía Nacional tivo que realizar un corredor de seguridade para que puidesen abandonar o museo.
‼️O persoal de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, mobilizouse hoxe coincidindo cun acto institucional na cidade no que participou o alcalde e que contou cun forte dispositivo policial #vitrasa #conveniodigno #vigo @CigVitrasa @CIGVigo pic.twitter.com/Id0mVUuHUJ
— CIG (@galizaCIG) December 5, 2023
Damos todo o noso apoio a esta importante loita das e os traballadores do transporte urbano. E entendemos que están a loitar contra unha empresa que non ten intención algunha de ceder. Pero non nos pode sorprender que este sexa o caso. O certo é que o transporte urbano é considerado un sector esencial, e ten uns servizos mínimos moi elevados. Isto limita a forza dos seus traballadores. Por iso consideremos que a unión con outros sectores obreiros é fundamental.
Os traballadores do metal en Vigo conseguiron un aumento salarial do 9 % a tres anos grazas a unha folga que realizaron hai uns meses. Este exemplo mostra como a unión con sectores como estes, que non están suxeitos ás regulacións dos servizos esenciais pode dar maior forza á loita dos condutores de autobuses. Unha unión baseada en accións comúns, en manifestacións e folgas conxuntas e un plan de acción coordinado.
Pódeche interesar: Los trabajadores del metal luchan en Vigo por un convenio justo y contra la burocracia sindical
Por outra banda, a universidade de Vigo está a un 15 km do centro da cidade. Unha folga estudantil en apoio aos traballadores de Vitrasa axudaría moito a que gañasen forza e á difusión das súas reivindicacións. Ademais, Vitrasa pertence ao Grupo Avanza, que xestiona o transporte urbano en moitas cidades do Estado español. As futuras loitas que se dean nestas localidades poderían ser coordinadas coa folga indefinida en Vigo e desta forma presionar mellor á patronal e ter maiores posibilidades de vitoria.
De calquera xeito, a determinación e valentía dos traballadores de Vitrasa en Vigo é unha inspiración para todo o pobo traballador e merecen toda a nosa solidariedade e simpatía. Soamente co apoio popular e doutros sectores obreiros, poderanse acadar condicións dignas e un servizo de transporte público de calidade, con maior periodicidade e cobertura e mellores prezos.